AS TIPOLOXÍAS TEXTUAIS
Como xa sabedes, un texto é un conxunto de enunciados, orais ou escritos, que van enlazados de xeito coherente, que posúen sentido completo, é dicir, é unha secuencia lingüística situada entre dúas pausas que transmite unha mensaxe con sentido pleno.
O enunciado é a unidade mínima de comunicación e pode estar formado por unha ou varias proposicións, por unha interxección (Ah!), por un sintagma (dentro da casa) ou por unha soa palabra (Aquí).
Os textos presentan unha extensión variable: unha crónica, un conto, un traballo académico, unha novela ou o cartel de “Prohibido empregar o móbil”, son todos textos por igual.
Para interpretar de xeito axeitado os textos ou enunciados débese ter en conta o seu contexto, é dicir, a situación en que se atopan o falante e o oínte pon en relación unha serie de “saberes” anteriores e compartidos, o que lles permite interpretar o propio enunciado.
Segundo a súa finalidade clasifícanse en:
TEXTOS LITERARIOS
Textos poéticos
Textos narrativos
Textos dramáticos
TEXTOS NON LITERARIOS
Texto argumentativo: mostra unha idea principal a partir de razóns ou argumentos coa finalidade de persuadir ou convencer ao receptor.
Presentan a seguinte estrutura:
Tese ou opinión: preténdese defender a súa validez. Pode ir encabezada por expresións como: «na miña opinión», «do meu punto de vista»...
Desenvolvemento ou corpo da argumentación: preséntanse as razóns ou argumentos (datos, cifras...) Cada argumento adoita ir introducido por un marcador de orde («en primeiro/segundo lugar», «por outra parte», «por último»...).
Conclusión: vólvese a enunciar a tese de forma resumida ou se engade algunha idea adicional que se poida deducir dos argumentos. Pode ir encabezada por un marcador de consecuencia ou de síntese (por tanto, así que; en conclusión, en resumo...)
Exemplos: discursos políticos, textos publicitarios, artigos de opinión, debates, reclamacións...
Texto explicativo ou expositivo: teñen carácter informativo, transmiten datos e engaden explicacións e descricións para facilitar a comprensión do tema ou asunto. Exemplos: libros de texto ou reportaxes xornalísticas.
Texto descritivo: nel indícase como é algo ou alguén. Segundo a realidade descrita, establécense tres tipos de descricións:
Descrición de personaxes: pódese limitar aos trazos físicos dunha persoa (prosopografía), reflectir a súa forma de ser (etopea) ou referirse ao seu aspecto físico como á súa personalidade (retrato).
Descrición de lugares: céntrase nunha vila, unha cidade, unha paisaxe, unha habitación... Recibe o nome de topografía.
Descrición de obxectos, de plantas ou de animais.
As descricións tamén se poden clasificar segundo a actitude e intención da persoa emisora, polo que se distinguen dúas clases:
Descrición científica: proporciona unha visión obxectivada realidade, sen incluír opinións ou valoracións, xa que a súa intención é transmitir información.
Descrición literaria: presenta unha visión subxectiva da realidade, cunha intención artística.
Texto narrativo: relata feitos nos que interveñen unha serie de personaxes nun espazo, lugar e tempo determinados. Se os feitos son ficticios, corresponden a unha narración literaria (conto, novela, poema épico...); se fosen reais, é non literaria.
Nunha narración distínguense os seguintes elementos:
Voz narradora: quen relata a historia. Diferéncianse dous tipos:
En primeira persoa: o relato cóntao o personaxe principal (voz narradora protagonista) ou un secundario (voz narradora testemuña).
En terceira persoa. É omnisciente cando coñece todos os detalles da acción e dos personaxes, incluídos os seus pensamentos. Cando só conta o que pode “ver” trátase dunha voz narradora obxectiva.
Argumento: é a serie de acontecementos que configuran a historia.
Personaxes: segundo a súa importancia, son principais ou secundarios.
Tempo: a acción ambiéntase nunha época (Idade Media, actualidade, futuro distópico...) e ten unha duración (unha hora, tres días...).
Espazo: o lugar onde se desenvolve a acción pode ser real ou imaxinario, urbano ou real, aberto ou pechado...
Texto conversacional ou dialogado: nel, dous ou máis interlocutores intercambian mensaxes, adoptando alternativamente os papeis de emisor ou receptor. Os diálogos poden agruparse en:
Diálogos literarios: aqueles nos que participan personaxes ficticios. Aparecen no teatro, nos textos pertencentes ó xénero narrativo e, con menor frecuencia, nos textos líricos.
Diálogos non literarios: pertencen os seguintes tipos:
Conversa: intercambio comunicativo espontáneo que manteñen dous ou máis interlocutores mediante intervencións curtas.
Entrevista: diálogo xornalístico en que unha persoa (entrevistadora) formúlalle preguntas a outra (entrevistada) para obter certa información ou a súa opinión.
Debate: discusión sobre un tema decidido previamente que se establece entre varios interlocutores con opinións distintas. Unha persoa moderadora controla as quendas de palabra.
Tertulia ou coloquio: diálogo en que participan interlocutores/as fixos/as cun interese común (cine, arte, política...)
Comentarios
Publicar un comentario